#PARGANONSEDIVIDE “perplexa” ante as acusacións vertidas no Pleno do Concello de Guitiriz contra o colectivo

#PARGANONSEDIVIDE, diante das graves acusacións e as falsidades vertidas no Pleno do Concello de Guitiriz, quere manifestar o seguinte: Dende PARGANONSEDIVIDE agardabamos este Pleno coa ilusión de ver como as problemáticas do pobo de Parga volvían a estar enriba da mesa; a reapertura do Centro Médico e o rexeitamento da nova proposta de Adif, volvían tratarse no máximo órgano institucional municipal do noso Concello, da man de senllas iniciativas presentadas por dous grupos políticos diferentes: PSOE e BNG.

O acontecido no debate da moción do BNG de rexeitamento á nova proposta que o Adif fixo chegar ao Concello de Guitiriz déixanos perplexos e apenados. Os duros infundios, descalificativos e falsidades lanzados contra PARGANONSEDIVIDE por parte do portavoz do PP e veciño de Parga, Francisco Penas e pola rexedora de Guitiriz e portavoz do Psoe, Marisol Morandeira, fan que despois duns días de reflexión e sosego, fagamos as seguintes puntualizacións:

  • PARGANONSEDIVIDE é unha plataforma aberta á participación de toda a veciñanza de Parga dos arredores preocupados pola situación de abandono institucional, perda de servizos e ataques á nosa forma de vida que estamos a sufrir. Dende o primeiro momento puxémonos na primeira liña de loita contra a división de Parga pretendida por Adif, o intento de peche da sucursal de Abanca ou o peche do Centro Médico. Nesa loita estivemos e estaremos ao carón de ducias de veciños, entidades como a Comunidade de Montes ou a Feira de Parga e tamén, dos representantes políticos de tódolos grupos que nos acompañaron en concentracións, actos e asembleas.
  • PARGANONSEDIVIDE non ten socios dado que calquera persoa que queira participar ten cabida nela. Non ten órganos de dirección estritamente, dado que PARGANONSEDIVIDE toma as súas decisións en ASEMBLEAS ABERTAS, nas que calquera cidadán está invitado a acudir se o considera importante, sen importar a súa posición, ideoloxía ou se ten algún tipo de cargo político, pode tomar a palabra e dar a súa opinión. Obviamente, a invitación a acudir é pública e non se fai invitación expresa a certas persoas en función do seu cargo ou condición. As afirmacións vertidas por Francisco Penas son mentiras radicais como o poden testemuñar as ducias de veciños que acudiron a algunha das nosas asembleas, tanto do centro médico coma dos pasos a nivel, así coma os propios medios de prensa que cubriron as mesmas. O propio Francisco Penas interveu nalgunha delas sen que se lle impedira dicir o que considerou nin se lle limitara o uso da palabra, ao igual que á propia Alcaldesa de Guitiriz e outros concelleiros ou cidadáns de a pé.
  • A directiva de PARGANONSEDIVIDE non toma decisión ningunha e só se limita a executar o decidido en asemblea: convocatorias, solicitudes, notas de prensa, pegadas de cartaces e organización de actos e protestas. Para iso, contamos tamén cun grupo de colaboradores que nos axudan. É a cidadanía que acude ás nosas asembleas a que decide a posición diante das propostas de Adif ou as que determinan os actos de protesta que se realizaron polo peche do centro médico ou da oficina de Abanca. No caso que nos ocupa, FORON AS ARREDOR DE CEN PERSOAS QUE ACUDIRON Á ASEMBLEA DO DÍA 24 DE ABRIL AS QUE AMOSARON A SÚA OPOSICIÓN Á PROPOSTA DE ADIF. Dicir que todas esas persoas son dunha determinada ideoloxía ou grupo político, ademais de mentira, debera facer ruborizarse e pedir desculpas a quen o di nun pleno municipal ocupando un cargo público.
  • O feito de que unha ou varias persoas da directiva de PARGANONSEDIVIDE sexan simpatizantes ou incluso militantes dun ou outro grupo político non nos inhabilita para seguir a facer a nosa labor. Rexeitamos contundentemente as acusacións de politización feitas tanto polo portavoz do PP coma pola portavoz do Psoe e Alcaldesa e rexeitamos que se nos impute un suposto afán de protagonismo que dende PARGANONSEDIVIDE non pretendemos arrogarnos. O PROTAGONISMO É DO POBO DE PARGA E DOS VECIÑOS E VECIÑAS. Pedimos encarecidamente aos grupos políticos que nos manteñan afastados das súas batalliñas políticas e se poñan man con man a buscar solucións aos problemas de Parga.
  • Preocúpanos moito que en todo o debate da moción nin PP nin Psoe adicaran unha soa palabra ás diferentes opcións, alternativas ou iniciativas que dende os seus grupos políticos están a levar a cabo para conquerir que Adif descarte o proxecto de supresión de pasos a nivel. Tampouco quedou moi claro se seguen a apoiar a proposta alternativa de variante que solicitan os veciños ou se xa a dan por descartada. É aínda máis rechamante e incoherente a acusación de politización, polo feito de que na seguinte moción relativa ao Centro de Saúde desapareza esa suposta politización a pesar de ser unha situación análoga, aínda que presentada por outro grupo político. Sorpréndenos moito que un tema estea politizado ou non en función do grupo político que o leve a Pleno e sorpréndenos tamén o rexeitamento a converter a moción en conxunta para evitar esa suposta politización.
  • PARGANONSEDIVIDE reunirase con calquera grupo ou cargo político que amose un mínimo interese en apoiar as demandas dos veciños. Hai uns días foi con Néstor Rego do BNG, anteriormente Miguel Anxo Fernán Vello de En Marea, tamén se interesou pola situación. Abel Caballero achegouse a Parga na campaña electoral a interesarse polo Centro de Saúde,aínda que non fomos convidados, polo que non tivemos a posibilidade de reunirnos con el. Así mesmo, mantemos dendehai tempo conversas telefónicas con Encarna Amigo, deputada do PP no Parlamento Galego que se comprometeu a xestionarnos unha reunión coa xerencia do Sergas para tratar o peche do centro de saúde que aínda non se concretou.
  • Descoñecemos se Francisco Penas, concelleiro Parragués como él mesmo repite constantemente, é coñecedor desas conversas coa súa compañeira de partido se levou a cabo algún tipo de iniciativa, xestión ou conversa despois da reunión semiclandestina que mantiveron en xuño pasado co xerente do Sergas nun bar de Guitiriz tras o que aseguraron que o Centro Médico reabriría despois do verán pasado. Dende PARGANONSEDIVIDE suxerímoslle a este señor que ademais de dicilo unha e outra vez, exerza de cando en vez a súa condición de parragués.
  • En canto ao posicionamento da sra. Alcaldesa e portavoz do Psoe, lamentamos profundamente que unha persoa na súa posición de representante máximo da veciñanza de Guitiriz, se permita o luxo de mentir nun Pleno Municipal coa lixeireza que ela o fixo: En febreiro de 2021, mantivemos unha reunión coa Alcaldesa de Guitiriz na que nos informaba de que Adif se puxera en contacto con ela para ver se o Concello apoiaba ou rexeitaba o proxecto de paso subterráneo que propuxeran no ano 2019. Como Plataforma, informámoslle sobre o rexeitamento que xeraba ese proxecto e que a nosa alternativa, refrendada polos veciños en asemblea e polo propio Pleno Municipal no seu momento, era a petición de variante. Marisol Morandeira asegurounos que dado que iso era así, ía COMUNICAR A ADIF O REXEITAMENTO DOS VECIÑOS E DA CORPORACIÓN MUNICIPAL EN PLENO AO PROXECTO DE ADIF.
  • O día 19 de abril, membros da Plataforma PARGANONSEDIVIDE reunímonos coa Alcaldesa de Guitiriz a petición súa, no salón de plenos do Concello e alí se nos amosa unha nova proposta mandada ao correo electrónico da alcaldía pola empresa redactora do proxecto de supresión de pasos a nivel por encargo do Adif. Nesa proposta, detállase unha solución de paso elevado para eliminar os tres pasos urbanos de Parga realizada a petición da propia Alcaldesa Marisol Morandeira, incumprindo polo tanto o que nos asegurou en febreiro, dado que non só non comunica o rexeitamento oficial, senón que SOLICITA OUTRA NOVA PROPOSTA. É mentira polo tanto dicir que non hai proposta e só conversas informais entre a Alcaldesa e os redactores. Hai unha proposta enviada a un correo oficial da Alcaldía na que se detalla a nova alternativa e se sigue a manter a anterior como segunda posibilidade.
  • Nesa reunión, dende PARGANONSEDIVIDE comunicámoslle que iamos explicarlle a proposta aos veciños e preguntarlles se esa opción é válida ou non para que eles e elas decidiran. Preguntámoslle se ía poñer en coñecemento dos grupos políticos esta nova proposta e ela, despois dun intre de dúbidas, asegurounos que sí, polo que ACORDAMOS NON COMENTAR OS DETALLES DO PROXECTO ATÉ QUE SE REUNIRA COS GRUPOS.
  • O día 20 de abril DENDE A ALCALDÍA DE GUTITIRIZ emítese unha nota de prensa nos medios de comunicación e redes sociais do Concello onde detalla a nosa reunión do día anterior. Enterámonos polas chamadas dos medios para recadar a nosa opinión. Visto isto, acordamos fixar a asemblea o máis axiña posible para evitar as especulacións que se puideran dar arredor do proxecto. PARGANONSEDIVIDE cumpre a súa palabra e só comentamos someramente a proposta agardando a reunión da Alcaldía cos grupos, que se celebraría o día 23 de abril.
    É mentira polo tanto dicir que a plataforma convocou a asemblea ao saír da reunión incumprindo o acordado. Máis ben, foi a Alcaldía quen se apresurou a emitir unha nota na que falaba dun paso elevado.
  • O sábado 24 de abril celebramos unha asemblea no pavillón do colexio de Parga a onde para a nosa sorpresa, non acude ningún representante municipal do Psoe nin do PP, como viña acontecendo até daquela noutras convocatorias similares e dada a importancia do asunto. Tamén é mentira dicir que só convidamos ao concelleiro do BNG. Non convidamos A NINGÚN CONCELLEIRO DE NINGÚN PARTIDO político dado o carácter aberto da asemblea. Quen acudiu foi por decisión propia. Os que non acudiron, terán que explicar os seus motivos. Abrumadoramente, o sentir dos veciños foi, de novo, que o proxecto non vale e que, ou fan a variante, ou mellor que quede todo como está. Así quedou reflectido nos medios de comunicación que acudiron a cubrir o acto.

Para rematar só queremos salientar que dende a plataforma non entendemos a qué se debe esta reacción dos grupos políticos do PP e PSOE que pretenden enlearnos en batallas que nos son alleas. Só dicir, que imos seguir firmes na nosa defensa dos intereses do noso Pobo e esixirlles que rectifiquen o manifestado e se poñan de novo ao carón da veciñanza. Na defensa de Parga somos necesarios todos e todas.

Hoxe máis ca nunca, #PARGANONSEDIVIDE.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com