A Xunta licita a redación do plan director do monumento de Santa Eulalia de Bóveda

Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar a redacción do Plan Director do templo de Santa Eulalia de Bóveda, en Lugo, un documento que sentará as bases das actuacións necesarias para avanzar na preservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural que xestiona directamente a Xunta.

Así o anunciou o delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, no transcurso dunha visita con ocasión do 90 aniversario da súa declaración como Monumento Histórico-Artístico Nacional xunto con outros nove bens patrimoniais senlleiros da provincia.

O contrato sae a licitación por un importe de 122.400 euros e un prazo de execución de 24 meses. Arias apuntou que o obxecto é “establecer o estado de conservación actual” para “definir as liñas de actuación de cara ao futuro”, así como as “propostas para o desenvolvemento sustentable deste ben a través dunha xestión axeitada”.

Lembrou que a Xunta ten levado a cabo sucesivas actuacións de preservación e promoción do monumento e agora inicia a tramitación para contratar este Plan Director, que terá “un proceso de elaboración complexo porque será un documento amplo que permitirá afondar no seu coñecemento e guiará as súas necesidades e condicións de mantemento nos vindeiros anos”, incluído o xeito de abordar o seu uso cultural dunha forma “racional e sostible”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com