“A nova tarifa eléctrica beneficia ás eléctricas pero perxudica ás familias é ás empresas”

Néstor Rego, voceiro do BNG no Congreso, visitou Lugo e aproveitou para demandar unha tarifa eléctrica xusta e adaptada aos horarios das persoas. Rego que estivo acompañado do Tenente Alcalde e voceiro Municipal, Rubén Arroxo, xunto a outros cargos órganicos e institucionais, e dixo que “as novas tarifas benefician ás eléctricas pero prexudican tanto as familias como ás PEMES e ao conxunto da economía en plena crise”.

Segundo Rego “hai empresas que teñen previsto macro-parques para producir electricidade na Mariña de Lugo, 15 km mar adentro, o que terá efectos nefastos na pesca e no turimo”. O deputado do BNG no Congreso demandou, tanto do presidente da Xunta como de quen se encarga de lexislar en Madrid “que non actúen a favor das eléctricas se non que tomen decisións a favor da maioría dos e das consumidoras”

A maioría dos e das consumidoras van ter un aumento nos custes cunha tarifa que condiciona un posible aforro na factura a un cambio nos hábitos de vida.  “Se unha familia non quere pagar máis pola luz, ten que poñer a lavadora, usar a prancha, poñer o lavalouzas usar o forno ou facer calquera tarefa que supoña consumo eléctrico a partir das doce da noite, iso non é compatible co descanso nin coa conciliación”, asegurou Rego.

Desde o Bloque enténdese que hai tres colectivos e sectores especialmente prexudicados coa nova factura.  As familias que até agora tiñan tarifa nocturna, arredor de medio millón de fogares galegos para os que o incremento estimado pode chegar até o 30%, ademais de poñerlle patas arriba a organización dos seus horarios.

En segundo lugar, castiga tamén ás pequenas explotacións gandeiras, unhas 10.000, que concentran as tarefas de alto consumo enerxético sobre todo nos tramos horarios que pasan a ser máis caros. E, en terceiro lugar, castiga ao sector da hostalería, un dos máis afectados pola pandemia, posto que a inmensa maioría dos bares, cafeterías e restaurantes están pechados nas horas de consumo máis barato e abertos nas horas de consumo máis caro.

Para corrixir os efectos negativos da nova facturación, Néstor Rego explicou as propostas do BNG. En primeiro lugar, levar o asunto ao Parlamento para pedir a retirada dos aspectos máis lesivos da normativa.

Ademais, segundo  anunciou Néstor Rego, “é preciso poñer en marcha unha tarifa eléctrica galega que acabe co desatino de que, sendo Galiza produtora electricidade, familias e  empresas non teñan ningún beneficio senón que, por contra, paguemos a factura máis cara”.

Como terceira proposta, a vía fiscal, de tal xeito que o Bloque defende un IVE super-reducido do 4% en lugar do 21% que se aplica agora, “porque é un servizo básico non un artigo de luxo”, segundo declarou Rego, así como a supresión do imposto especial de electricidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com