Este tempo é problemático para os que somos moitos de familia. Que na actualidade familia pode ser unha persoa, dúas ou catro, que era o meu caso hai dúas décadas ata que afortunadamente se complicou e hoxe os da familia nun establecemento hosteleiro precisamos dúas mesas para cumprir coas normas.
Indo xantar seis familiares hai unhas semanas, ou o facíamos en dúas mesas separadas por unha pantalla de plástico ou xuntos no exterior. Xantamos fóra soportando un frío estepario. E hai uns días, xantamos no interior, en dúas mesas separadas medio metro, sen pantalla, que algo de adianto supón. Pode parecer baladí o tema pero afeitos como estamos na familia a facer plenos na casa arredor da mesa de doce, ter que facelo en dúas mesas separadas resulta incómodo.
Contrasta que isto aconteza en Saavedra, mentres fóra se concentran centos de devotos da Virxe dos Milagros, cun comportamento modélico, evidenciando que fai falla que se vaia abrindo a man, especialmente na hostelería onde se comproba un escrupuloso comportamento, e os que vimos cumprindo a normativa, a inmensa maioría dos cidadáns, tampocou nos imos botar a perder porque vaia avanzando a liberdade.
A celebración dos Milagros demostrou qué é posible compatibilizar multitudes con precaucións, gardar distancias con festas relixiosas… e os regueiros de persoas que camiñaron cara ao santuario, foron exemplo de orde, normalidade e recuperación da tradición. Cóidanse problemáticas festas, praias ou concertos, pero agardamos que todo se vaia normalizando xa que, pola conta que nos ten, seremos sensatos para comprobar que estamos superando a pandemia.