Un importante aumento das altas unido a un mantemento dos positivos detectados foron claves onte para que a provincia de Lugo experimentase un cambio de tendencia nos principais baremos de control da covid, que hoxe volve descender logo duns 10 días de suba imparable de casos.
Así, segundo o informe publicado hoxe polo SERGAS cos datos recollidos ata as 6 da tarde de onte, os casos activos baixan ata as 250 persoas con infección, 19 menos que na xornada anterior. Descende tamén o número de positivos detectados na última xornada, que o SERGAS cifra en 11, 3 menos que o mércores.
Con todo, as boas cifras débense case en exclusiva a gran cantidade de altas médicas, e é que 26 persoas poden dicir dende onte que xa superaron o virus. En total dende o inicio da pandemia, na provincia, 12.456 persoas recuperáronse da infección pola covid.
En canto á presión asistencial, hoxe volve experimentar unha nova baixada. Así, mentres a UCI do HULA continúa con 2 casos covid, en planta este centro baixou en dous pacientes, chegando a ter só 3 camas ocupadas por pacientes con infección activa de covid en unidades convencionais. O mesmo número de casos teñen no hospital da Costa mentres que no de Monforte, hoxe contan con 2 infeccións activas por covid en planta de hospitalización. En total son 8 os ingresados en planta na provincia.
En canto ao gromo activo na capital, no Edificio Administrativo da Xunta, e segundo informa o xerente da área sanitaria, Ramón Ares, suma xa 18 casos covid entre os traballadores da institución autonómica na capital lucense. Este gromo que comezou coa detección de 8 casos nunha mesma zona, achégase á vintena de casos logo da realización de 650 probas diagnósticas entre o persoal, e á agarda de alcanzar as 700 persoas nas vindeiras horas.
Por outra banda, o gromo de Viveiro alcanza as 43 persoas diagnosticadas nas últimas dúas semanas, o que mantén á localidade mariñana no nivel alto de restricións unha semana máis. Xove, con 14 casos nos últimos catorce días, permanecerá no nivel medio de limitacións, no que tamén seguirán Vilalba, con 25 diagnosticados en dúas semanas, e Monforte con 19. Pola contra, Cervo, con menos de 10 diagnósticos de covid nos últimos 14 días, descende ata o nivel medio-baixo, no que se atopa o resto da provincia.
En canto á vacinación, a provincia de Lugo vén de conseguir superar a inoculación da vacina a máis do 50% da poboación diana con a lo menos unha dose, e o 33,3% coa pauta completa. O SERGAS prevé comezar en Lugo a vacinación co grupo de idade entre 40 e 49 anos o vindeiro mércores.