Os socialistas lucenses celebraron hoxe un acto de campaña na Praza de Santo Domingo reivindicando os dereitos das mulleres e presentando as propostas de igualdade do seu programa electoral.
José López Orozco salientou que os seus gobernos “sempre defenderon a igualdade cidadá e, especialmente, a igualdade das mulleres porque non pode haber diferenzas e moito menos pode permitirse que unha muller morra polo feito de selo. Contra as causas e contra as consecuencias estaremos sempre traballando”.
Neste ámbito, o programa socialista recolle diferentes propostas recibidas da sociedade lucense “que asumimos como un compromiso e unha obriga” e que presentaron varias integrantes da lista do PSOE de Lugo. Lara Méndez, Vicepresidenta da Deputación e candidata número 2, sinalou como obxectivo a potenciación da creación de empresas lideradas por mulleres e o seu crecemento e consolidación empresarial, o apoio á muller rural promovendo o seu desenvolvemento social e laboral a través, entre outras medidas, dun plan de emprego no rural centrado na expansión e promoción dos seus produtos. Ademais, apuntou o reforzo do respaldo ó deporte feminino.
A candidata número 3 da lista dos socialistas lucenses, Ana Prieto Nieto, relatou as propostas para a conciliación da vida familiar, laboral e participativa como a adaptación dos horarios de atención cidadá das oficinas municipais, amais da aposta pola administración electrónica; a creación dun Centro de Recursos para a Infancia e a Adolescencia que permita unha mellor conciliación da vida familiar e laboral dos lucenses, adaptándose ás necesidades básicas, formativas e de lecer de cada unidade familiar e o desenvolvemento dunha asesoría xuvenil especializada no fomento da igualdade entre homes e mulleres dende idades temperás.
Ana Abelleira, candidata número 8, destacou a paixón dos socialistas por un Lugo de todas e todos polo que poñerán en marcha a Concellería de Igualdade, Diversidade e Inclusión, o desenvolvemento do IV Plan Local de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes de Lugo, e o apoio decidido á muller, especialmente á muller rural, muller xitana, muller inmigrante e muller con discapacidade potenciando o seu desenvolvemento social, laboral e cultural.
Por outra parte, os socialistas comprométense a dar prioridade nas axudas ó alugueiro á mocidade, ás persoas maiores, as que foran desafiuzadas e as mulleres vítimas da violencia de xénero.