O Goberno da Deputación anunciou este venres que a institución colaborará cunha aportación económica de 100.000€, a través dun contrato de patrocinio, coa nova película do director de cine lucense Dani de la Torre, Live is Life, unha medida que contribuirá á promoción dos recursos da provincia de Lugo en tanto que o filme tivo a Ribeira Sacra como escenario de rodaxe, en concreto, os municipio de Pantón, Sober, Quiroga, O Saviñao e Monforte de Lemos.
A tamén Deputada de Promoción do Territorio e Turismo subliñou que o apoio da Deputación a este proxecto audiovisual ten o dobre obxectivo de “seguir colaborando cun sector que crea industria, emprego, e fomenta a nosa cultura e a nosa lingua, e, ao mesmo tempo, favorecer a proxección nacional e internacional da Ribeira Sacra e do conxunto da provincia e, con elo, a actividade turística”.
“A película Live is Life é un escaparate excepcional da provincia, que estamos convencidos de que axudará a dar a coñecer os nosos recursos e que atraerá a novos visitantes, impulsando o turismo, nunha situación moi complexa para o sector debido á crise sanitaria provocada pola Covid-19”, explicou a Deputada.
García Porto puxo en valor o traballo do cineasta Dani de la Torre e argumentou que “esta colaboración económica é un investimento, polo retorno que leva consigo en termos de promoción”. A colaboración responde “á nosa aposta por consolidar á provincia de Lugo como un escenario de rodaxe de producións audiovisuais, porque isto dinamiza a economía e favorece a creación de emprego”, subliñou.
Nos últimos dez anos, a Deputación de Lugo colaborou con máis de 30 películas, documentais, curtametraxes e series amosando así o apoio da institución á industria audiovisual galega e lucense.