O 90% dos establecementos de hostalaría da provincia da Lugo, nove de cada dez, recibiron 4.834 axudas directas nas dúas primeiras quendas de rescate, ás que a Xunta destinou 11,2 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a un dos sectores máis afectados pola pandemia e polas medidas sanitarias.
O concello de Lugo con preto de 4.000.000 de euros foi o máis beneficiado. Monforte, o segundo en recibir máis axuda superou os 800.000; Vilalba, Sarria e Viveiro con máis de 300.000 euros completan a lista dos cinco concellos con máis axudas recibidas.
Tamén Ribadeo superou o medio millón de euros en axudas. Os dez concellos con maior volume de investimento suman 8 millóns de euros de orzamento.
Cos dous primeiros plans de rescate a Xunta mobilizou un total de 182 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez aos negocios e contribuír á permanencia do emprego e da viabilidade. Máis da metade dese diñeiro foi parar ao sector hostaleiro.
3º Plan aprobado
O Consello do Goberno galego vén de aprobar o 3º plan que, no seu caso, nutrirase de fondos do Estado dos que 234,4 millóns de euros corresponderán á Comunidade, o 3,3% dos 7.000 millóns que se repartiron en todo o estado. O goberno de Galicia priorizará que as axudas cheguen ás persoas traballadoras autónomas e microempresas que supoñen o 97% do tecido produtivo galego. Para elas resérvanse 200 dos 234 millóns de orzamento, o 85% do plan.
En consenso do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego Autónomo, a Xunta vén de deseñar un 3º plan que prevé axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para persoas traballadoras autónomas, microempresas, pemes e empresas, establecidas en función da baixada de facturación padecida a causa da covid e o número de persoas empregadas ao cargo.
Outra das aportacións de Galicia ao plan consistiu estender as axudas a todas as actividades económicas, e non só ás 95 apuntadas polo Real Decreto do Estado, sempre e cando poidan acreditar unha caída de ingresos dun 40% ou máis.
Co obxectivo de garantir a maior axilidade posible, o Goberno Galego aplicará o mesmo criterio que no primeiro e segundo plans de rescate e concederá o anticipo do 100% dos importes coa mera presentación dunha declaración responsable.
Coa convocatoria do 3º plan, a Xunta terá destinado cerca de 560 millóns en axudas directas en seis meses aos sectores máis prexudicados pola pandemia: 416 millóns dos tres plans de rescate e a contía restante correspondente a diferentes departamentos da Xunta que veñen de apoiar a axencias de viaxes, ocio nocturno, orquestras ou ao sector das artes escénicas e musicais, entre outros sectores.