As obras de ampliación do Polígono das Gándaras obrigan a desviar o tráfico das estrada de acceso a Muxa

A Xunta realiza desde hoxe un desvío do tráfico da estrada de acceso a Santa María de Muxa, no concello de Lugo, para avanzar na execución das obras de ampliación do polígono das Gándaras.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que se establece un acceso alternativo cara a zona de Piñeiro polas rúas María Barbeito e Leopoldo Hernández Robledo -rúas A e H do polígono, respectivamente-.

A medida está incluída no proxecto e no plan de tráfico das obras de ampliación desta área industrial e a Xunta colocou os correspondentes indicadores na zona. En concreto, na rúa Leopoldo Hernández Robledo instálase sinalización vertical adaptada ao límite de velocidade de 30 quilómetros/hora en zona urbana para vías dun só carril por sentido de circulación; así como un paso peonil sobreelevado para minorar a velocidade no desvío antes de incorporarse ao tráfico do polígono.

Está previsto que este desvío teña carácter definitivo e unha vez finalizadas as obras colocaranse novos carteis en substitución dos actuais indicadores provisionais de cor amarela.

A Administración galega ten en marcha actualmente as obras de ampliación da segunda fase do polígono das Gándaras, que supoñen urbanizar case 90.000 metros cadrados de chan industrial. Deron comezo a principios de ano e contan cun prazo de execución de 10 meses. A Xunta traballa para licitar unha terceira fase de ampliación que incrementará a superficie do parque en máis de 67.000 metros cadrados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com