Esta mañá deu comezo a roza e acondicionamento dos parques Marcos Cela e Paxariños e das zonas verdes dos polígonos industriais de O Ceao e As Gándaras, para os que o Concello de Lugo, a través da concellería de Medio Ambiente, destina 17.000 euros.
O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, supervisou hoxe o inicio dos labores, un control que realizará de forma permanente para velar pola calidade do servizo.
O responsable de área, informou que “os traballos arrincaron xa no parque Marcos Cela, que consistirán, fundamentalmente, na sega da herba e a eliminación da maleza que se incrementou nas últimas semanas debido ás altas temperaturas e ás choivas rexistradas esta primavera”.
“Dende o Servizo de Medio Ambiente procedeuse á contratación, por separado, destas tarefas xa que ningún destes espazos aparece contemplado na concesión actual para o mantemento dos xardíns municipais. Así, foi preciso elaborar unha proposta de gasto para poder executalas que, logo de iniciarse xunto á zona verde da Volta da Viña, en próximas xornadas se acometerán nas contornas axardinadas sitas ao carón de Fontiñas e nos dous polígonos industriais”.
O edil deu conta, alén, de que dende Medio Ambiente se realiza este investimento para garantir a conservación dos espazos públicos da capital de maneira permanente e mentres non se renovan os pregos do servizo, que se licitarán en breve. En canto á zona verde do Pazo de Feiras, o seu mantemento o asume a Brigada municipal de Parques e Xardíns.
Estes traballos de roza, súmanse aos que xa se están a realizar na cidade dentro da planificación da concellería de Medio Ambiente, tanto por parte dos operarios municipais como das empresas que se encargan do mantemento en todos os barrios, con distintos operarios, de xeito manual así como con diversa maquinaria e medios propios do Parque Móbil do Concello.
Miguel Fernández indicou que “a nosa vontade é ter en perfecto estado estes parques para o uso e desfrute da veciñanza, co obxectivo de que estean en óptimas condicións para que a cidadanía as aproveite como lugares de práctica deportiva e esparexemento”.