O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores a carón das Casitas da Compañía, en Monforte de Lemos, a APP Turisgalicia Ribeira Sacra, unha guía dixital que permite un acceso rápido e sinxelo a información útil e actualizada sobre os recursos patrimoniais, hostalería, hospedaxe, rutas, actividades e eventos da comarca.
A institución provincial é a principal patrocinadora desta nova ferramenta para a promoción turística da Ribeira Sacra, que “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”, subliñou José Tomé.
A aplicación para dispositivos móbiles Turisgalicia Ribeira Sacra contén unha guía de ocio actualizada, unha selección de experiencias de turismo, deportes e ocio, lugares de interese, unha oficina virtual de turismo, un apartado específico sobre o Camiño de Santiago con todos os recursos para o peregrino, unha relación de adegas, rutas e outra relación de centenares de empresas o que axudará á promoción do comercio local.
Os contidos da APP actualizaranse diariamente con novos eventos culturais e información dos concellos da Ribeira Sacra. Incorpora tamén un sistema de xeolocalización que permitirá coñecer de xeito instantáneo os recursos turísticos máis próximos e como chegar a eles. A APP Turisgalicia ofrece ademais un servizo de información de utilidade para os concellos e os veciños e veciñas, xa que integra un apartado de información municipal. Está dispoñible en castelán e galego, e pódese descargar en dispositivos Android e Apple.
O Presidente da Deputación subliñou que esta ferramenta dixital de promoción turística da que a institución é principal patrocinadora “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”. Explicou Tomé Roca que “nesta APP, os usuarios e usuarias poden encontrar, de forma sinxela, lugares, monumentos, rutas, paisaxes da Ribeira Sacra para visitar, pero tamén para aloxarse e para comer, o que repercutirá de xeito directo na súa actividade”.