A reunión da mesa de seguimento para a venda da fábrica de aluminio de San Cibrao confirmou que nada se ten avanzado nunha solución definitiva e viábel. Alcoa e os gobernos español e galego seguen a escenificar o seu enfrontamento sobre os termos da venda, sen amosar ningunha das partes unha vontade real para materilizar a operación.
Fronte a isto, a CIG esixe que se cumpra xa coa solución que garanta a actividade produtiva e o mantemento dos postos de traballo e que ten que pasar pola intervención pública das instalacións para, unha vez na SEPI, buscar con toda a tranquilidade un novo grupo propietario.
Por iso, a central nacionalista demandou que se concrete de maneira urxente unha data para a reunión co Ministerio de Industria que a representación social xa solicitou na anterior mesa multilateral. A CIG non vai consentir que o Goberno español pretenda desentenderse das súas responsabilidades e asegure agora que non contempla ningún escenario no que SEPI compre a planta de aluminio.
Esiximos que se cumpra o mandato aprobado polo Congreso dos e das Deputadas e polo Parlamento de Galiza. Con independencia de que sexa unha condición imprescindíbel para Alcoa, a intervención da SEPI é necesaria para evitar o acontecido coas fábricas da Coruña e Avilés.
Neste senso, a CIG advirte que tampouco consentirá que Alcoa, na busca dunha indeminidade que a exima das súas responsabilidades, utilice ningún subterfuxio como escusa e parapeto para facer fracasar (de novo) a venda da fábrica.
Doutra banda, a CIG critica o papel xogado pola Xunta que, no canto de instar a intevención da fábrica e promover unha fronte común co goberno español para facer presión sobre Alcoa, se dedica a atacar o Ministerio sen ofrecer solucións nin iniciar as medidas precisas.
Ante a falta de avances na venda e a demora nunha solución -que urxe polo deterioro que sofren as instalacións e pola perda de emprego-, a CIG chama a retomar e intensificar a mobilización na fábricas e nas rúas para forzar a todas as partes a chegar a un acordo que garanta o futuro industrial da Mariña.