A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comprobou o ritmo ao que progresan os traballos de renovación da rede de abastecemento do barrio da Cheda. Unha intervención coa que, dende a área de Medio Ambiente, se pretende eliminar o fibrocemento que segue presente nas antigas canalizacións do barrio e substituílas por outras de fundición, moito máis resistentes, duradeiras e menos contaminantes.
“Avanzamos así no plan municipal que puxemos en marcha este ano para erradicar a presenza desta substancia na traída da auga, ao que destinamos 1’2 millóns de euros co obxectivo de acadar un servizo máis eficaz, no que se produzan menos incidencias e, polo tanto, menos molestias á veciñanza e que, á vez, sexa tamén máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo no municipio”, sinalou a rexedora.
Méndez, que acudiu acompañada do concelleiro Miguel Fernández, supervisou o ritmo que levan as tarefas que afectan a un total de 96 acometidas das rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.
Fernández, pola súa banda, sinalou que a actuación, na que o Concello investiu 248.461 euros, “súmase ás xa desenvolvidas ou en execución noutros puntos da capital como Aviación Española, e Rei don García, na marxe dereita da Avenida Marqués de Ombreiro así como nas rúas Armórica, Escultor Asorey ademais de na rúas Bataneira e Figueira, onde tamén se procedeu a renovar a rede de saneamento”, concluíu Miguel Fernández.