Falece un condutor na Fonsagrada logo de saírse da vía co vehículo que conducía. O condutor e único ocupante do vehículo saíuse da vía cando circulaba ao seu paso polo lugar de Cabreira, en Monteseiro, no concello lucense da Fonsagrada. Dez minutos antes das sete da tarde de onte, un particular contactaba co 112 Galicia para informar dun coche envorcado na estrada que une A Fonsagrada e Grandas. Advertía que, posiblemente, a persoa estaba no interior do vehículo.
De inmediato, o 112 puxo os feitos en coñecemento do persoal do Servizo do 061, dos Bombeiros de Sarria e da Garda Civil de Tráfico. Nada máis chegar ao punto, os axentes confirmaron o falecemento do condutor. Indicaron ademais que a persoa estaba accesible polo que tampouco era preciso o uso do material de excarceración.