Muller e Igualdade reivindica o Orgullo LGTBIQA+ durante cinco días con danza, música, cine e contacontos

A área de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, anunciou no día de hoxe a programación con motivo do Orgullo LGTBIQA+ que se levará a cabo durante o mes de xuño. Serán 5 días de actividades lúdicas, de sensibilización e de reivindicación a través da danza, música, cine, contacontos, unha exposición gráfica e unha mesa redonda, entre outras accións.

Con esta iniciativa, o executivo de Lara Méndez busca facer partícipe á veciñanza na construcción de Lugo como cidade diversa, libre e igualitaria. É, polo tanto, “unha programación de festexos ao aire libre na que teñen cabida actividades para todas as idades en defensa dos dereitos das persoas LGTBIQA+ e da promoción da igualdade con eventos de dimensión artística e cultural pero tamén cun matiz pedagóxico, xa que primamos a mensaxe de respecto aos dereitos humanos e aos valores”, destacou a alcaldesa de Lugo.

Lara Méndez dará o pistoletazo de saída deste evento reivindicativo o 24 de xuño, ás 18.00 horas, nos xardíns da Muralla (Entre a Porta de San Fernando e a Porta Nova) cun arranxo floral composto por flores de tempada das 6 cores que conforman a bandeira LGTBIQA+.

O venres, de 17:30h a 19:30h, realizarase un obradoiro no que se ofrecerán diferentes técnicas para a elaboración de deseños e consignas contra a LGTBIFOBIA. Todas as propostas fomentarán a parte máis creativa das persoas participantes dun xeito dinámico e todos os asistentes recibirán un lote individual de materiais.

Ás 20.30 o colectivo Agrocuir da Ulloa dará o pregón na carpa instalada na explanada do Pavillón Municipal e seguidamente os asistentes gozarán dunha sesión musical con DJ Frisco e Marcos Peón.

O sábado, 26 de xuño, ás 18:00 horas, o Colectivo ALAS de Lugo coordinará a mesa redonda, ‘A importancia da educación e tolerancia LGTBI no ensino’ na que participarán os psicólogos Noelia Pastor Peño e Adrián Rodríguez López ademais de membros de ALAS. Ás 19:30h proxectarase o documental, Noite Irisada, un relato da loita dos colectivos LGTBI en Galicia, que foi nomeado aos Premios Mestre Mateo do ano 2020 e está dirixido pola viguesa Bea Vázquez Campaña.

O domingo, inaugurase a exposición ‘Universos Diversos’, da ilustradora Laura Tova, coordinada por aQde, que reúne unha serie de obras que tratan como tema central a liberdade de ser, facendo esta alegoría a través do protagonismo das personaxes fusionando as mesmas sempre con elementos naturais. En total serán 10 obras, das que 3 son pezas cerámicas. Ás 12.30h os máis pequenos poderán gozar dun espectáculo infantil, sobre a diversidade ‘Os contos da tía Ramira’, guiado por Raquel Cendán. E xa en sesión de tarde ás 20.30h Las Antonias protagonizarán un concerto ‘ao ritmo dunha escena de risa obscena’.

Para finalizar a completa programación, o luns terá lugar un acto institucional diante da Casa Consistorial, presidido polo Alcaldesa de Lugo, que inclúe a lectura dun manifesto, o izado da bandeira e finalizará cunha solta de globos biodegradables.

I Maratón de Fotografía Orgullo LGTBIQA+ 2021

O I Maratón de fotografía, coincidirá coa celebración da programación. As fotografías presentadas terán que ser realizadas durante a celebración das distintas actividades que compoñen a programación de dita conmemoración.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com