O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, felicitou este luns á tripla campioa de España de piragüismo, a monfortina Noa Díaz. Tomé Roca puxo en valor o traballo da padexeira do Montaña Quixós de Monforte de Lemos, que acadou tres medallas de ouro no Campionato de España de Descenso de Augas Bravas disputado esta fin de semana na canle de Sabero (León).
A deportista impúxose na categoría cadete de K-1 e nas modalidades de esprint e clásica en C-1 e K-1, respectivamente. O Presidente destacou que este triple título “é un orgullo para a provincia e un éxito froito da constancia e do traballo duro. Noa Díaz é unha das padexeiras máis prometedoras de Monforte e estao demostrando desde que é ben pequena”.
Tomé Roca animou a Díaz a que continúe esforzándose ao máximo porque “xa é un exemplo para moitos rapaces e rapazas da provincia de Lugo” e sinalou que “é importante para a xente nova ter, preto da casa, referentes nos que mirarse”. O Presidente tamén deu parabéns ao clube monfortino Montaña Quixós, “que leva tempo mimando moitísimo á súa canteira e agora ve recompensado o seu esforzo”.