O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo vén de comparecer ante os medios hai escasos minutos para informar das principais medidas adoptadas polo Comité Clínico que asesora ao Executivo, despois da súa última reunión, onte á tarde.
Feijóo asegurou que estamos ante unha situación de estabilidade e “de pandemia controlada” malia que animou á cidadanía a seguir, dixo, en alerta. Así o mandatario galego avanzou que este sábado entrará en vigor unha nova normativa que regulará os aforos. Así as terrazas do nivel máis baixo de limitacións poderán ocupar o 100% das súas mesas, mentres que no interior, polo momento manterán o aforo ao 50%.
Do mesmo xeito, dende o sábado a Xunta permitirá que bares e cafeterías sirvan na barra as consumicións, ao igual que o cliente poderá facer o pedido en barra. O que todavía non permitirán será consumir. Asemade, o ocio nocturno abrirá as súas portas, a partir do vindeiro 1 de xullo.
No tocante á retirada das máscaras, o comité clínico propuxo unha retirada ordenada en exteriores; é dicir, eliminar a súa obrigatoriedade salvo cando non sexa posible manter a distancia de seguridade dun metro e medio entre persoas. Nos espazos interiores, polo momento, seguirá sendo de uso obrigado.
Durante a rolda de prensa, Feijóo referiuse nun primeiro termo á nova situación de aforos que entrará en vigor o vindeiro sábado. Deste xeito, confirmou o aumento do 50 ao 75% do aforo en lugares de culto, academias e centros de formación, congresos, ximnasios, museos, arquivos e bibliotecas, acuarios e zoológicos; ademais do incremento de 25 a 50 persoas do número máximo de asistentes a un enterro.
Nesta mesma liña, anunciou a reapertura das áreas de descanso e de lecer infantil dos centros comerciais; o aumento da capacidade máxima das prazas de pé do transporte urbano, pasando dun sexto a un terzo; o contacto físico nos establecementos de actividades deportivas e nas academias de danza; así como a reincorporación de forma presencial, desde o 5 de xullo, dos empregados da Xunta que estaban teletrabajando de maneira excepcional.