O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou esta mañá no paseo lucense do Rato o programa de Actividades Fluviais que a institución provincial porá en marcha este verán en 10 concellos da provincia.
As Actividades Fluviais son totalmente gratuítas e están dirixidas a un público familiar, podendo anotarse maiores de 6 anos de idade no propio lugar da actividade. Haberá actividades acuáticas, como kaiak, paddle surf, inchables, e outros xogos nas contornas fluviais. O Presidente explicou que o programa desenvolverase durante o mes de xullo nos municipios de Ribeira de Piquín, Trabada, Alfoz, Vilalba, Begonte, Navia de Suarna, Láncara, Ribas de Sil, Monterroso e Guitiriz.
“Con esta iniciativa, dende a Deputación de Lugo ofrecemos unha alternativa de ocio ao aire libre moi atractiva para o verán, que contribúe a dinamizar a vida social e a vida económica dos concellos”, detallou o mandatario provincial.
José Tomé subliñou que este paquete de actividades ten obxectivos a longo prazo. “Queremos promocionar o rico patrimonio fluvial que temos na provincia de Lugo e mostrar todo o seu potencial para seguir impulsando o turismo de interior e natureza”.
Neste sentido, lembrou que, ademais das Actividades Fluviais, a Deputación colabora coa Gold River Race, a regata que nace sendo a máis longa de toda Europa, “unha proba de primeiro nivel que arranca precisamente mañá en Augasmestas, en instalacións que son da Deputación de Lugo, no concello de Quiroga, e que, sen dúbida, terá un efecto moi importante na promoción da riqueza fluvial da provincia de Lugo”.
O Presidente convidou á veciñanza da provincia a participar nestas actividades que se poden practicar en familia e con amigos.
Na rolda de prensa estiveron presentes tamén a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, así como representantes municipais da maioría das localidades nas que terán lugar estas accións de lecer. En concreto, asistiron os rexedores de Alfoz, Jorge Val; Guitiriz, Marisol Morandeira; Láncara, Darío Piñeiro; Navia de Suarna, José Fernández; Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico; e Trabada, Mayra García Bermúdez; e o tenente de Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro.