Nova suba de casos activos tras un aumento moi importante dos positivos detectados

Nova xornada de suba de casos activos que vén dada tras un máis que significativo aumento dos positivos detectados e que sitúan as cifras totais a niveis de principios de mes. Remata así un período de estabilidade e haberá que ver nas vindeiras xornadas se esta suba é anecdótica ou se se mantén no tempo, o que podería significar unha volta atrás no alivio das restricións. 

En cifras, e ata as seis da tarde de onte, o SERGAS rexistraba un total de 191 casos activos, debido, sobre todo, á importante suba dos positivos detectados onte, e que chegan ás 28 persoas tras detectarse varios gromos dos que daremos conta máis adiante. 

No tocante á presión asistencial, hoxe continúa nos mesmos niveis que na xornada anterior. Así, o HULA tan só suma 3 pacientes, 2 en planta de hospitalización e 1 na UCI. 

Por último, no que a datos se refire, as altas médicas continúan rexistrando mínimos, sendo tan só 9 persoas as que, nas últimas horas, poden dicir que se recuperaron tras dar positivo en covid19. Con todo, dende o comezo da pandemia son xa 12.754 os lucenses que recibiron a alta. 

Como diciamos esta suba vén dada tras detectarse dous grandes gromos na provincia. Así, o primeiro, e no que se rexistran xa 26 positivos, foi localizado en Sarria, e está vinculado a un local de hostalería e unha comida familiar. Así, dende sanidade non descartan novos contaxios pois todavía seguen cribando contactos estreitos. A este respecto, o alcalde da localidade vén de publicar un bando instando á cidadanía a que se someta a un cribado voluntario.

Doutra banda, na capital, rexistrouse nas últimas horas un novo gromo con orixe en Mallorca. E é que 10 estudantes de dous centros educativos de Lugo resultaron positivos en PCR logo de se detectar un macro gromo de preto de 400 positivos en todo o Estado vinculado á illa. Ao parecer, os estudantes, todos de segundo de Bacharelato, realizaron unha excursión, organizada por eles mesmos e sen vinculación aos centros de ensino, á illa para celebrar o fin da Selectividade. Ademáis vincúlanse a este gromo o positivo de 2 adultos, proxenitores de dous dos estudantes infectados.  Segundo confirmou o Conselleiro de Sanidade, en Galicia hai preto de 50 casos vinculados a Mallorca e entre os que se detectaron a variante británica e a delta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com