O Concello pon en marcha un plan de concentración de dispositivos para abordar a limpeza integral dos barrios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá que, a partir de hoxe a área de Medio Ambiente, que dirixe Miguel Fernández, porá en marcha un plan de concentración de dispositivos municipais para abordar, dunha maneira integral, a limpeza dos barrios.

A rexedora explicou que, deste xeito, o Concello articulará un amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís – apoiados polas brigadas municipais – para unificar os esforzos por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar o labor ordinario que se leva a cabo diariamente.

Un esforzo que se manterá mentres non se licita o contrato de mantemento de parques e xardíns – cuxos pregos se levarán á Xunta de Goberno, para a súa aprobación, no vindeiro mes de xullo – e non se adxudica o da limpeza viaria e recollida de lixo, “que se prevé poida outorgarse antes de que remate o verán”, avanzou a alcaldesa.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, indicou que, “nos vindeiros meses levaranse a cabo en cada barrio, co obxectivo de incrementar a eficacia das tarefas que abranguen, de forma simultánea e coordinada, a roza – tanto de vías como de predios municipais – o varrido mixto das rúas e bordos – para o que se mobilizará unha varredora e un peón con soprador – a limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, o baldeo das rúas e perfilado do céspede; desherbaranse os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos”, incidiu Miguel Fernández.

Actuacións, todas elas, que foron planificadas dende Medio Ambiente coas empresas concesionarias dos diferentes servizos e que hoxe mesmo daban comezo no barrio do Castiñeiro.

Todos estes dispositivos permanecerán na mesma zona até durante o tempo que sexa necesario para completar os traballos – abondou o tenente de alcaldesa – e, a continuación, iranse desprazando polo resto da cidade na seguinte orde: Casás, Abella, A Residencia, As Gándaras, Sagrado Corazón, Galegos, Aceña de Olga, Fingoi, Augas Férreas, A Milagrosa, A Cheda, o centro da cidade, Fontiñas, Castelo – A Chanca, Barrio da Estación, Barrio Feijoo, Paradai, Frigsa, San Lázaro – A Ponte, A Louzaneta, Inmediacións do HULA e Montirón – San Fiz”.

A rexedora quixo facer, á súa vez, un chamamento á poboación en prol do civismo, “clave para a convivencia” – dixo – “en tanto coidar o noso entorno é unha tarefa que nos compete a todas e a todos. Por iso quero apelar á concienciación cidadá para que as e os lucenses traballemos da man preservando e mantendo os espazos públicos”.

Unha mensaxe de responsabilidade colectiva que Lara Méndez aproveitou para dar conta de que, dende o 2020, o Concello de Lugo leva tramitados un total de 341 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, instando aos seus propietarios a corrixir esta situación, porque “a neglixencia duns poucos non pode supoñer un prexuízo para todos”.

O procedemento se inicia coa comunicación á ou ao titular dos terreos en desleixo e continúa co trámite de audiencia polo prazo de 15 días, ben para que formulen as alegacións que estimen oportunas e presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, ben para que executen as actuacións sinaladas.

Ese escrito inicial, segundo recoñecen dende Medio Ambiente, está sendo, nalgúns casos, estímulo suficiente para que os donos actúen pero, cando non é así, o Concello está procedendo tamén á execución forzosa de forma subsidiaria e á imposición de multas coercitivas

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com