O Voceiro do PSOE de Taboada, Roi Rigueira explicou hoxe que unha vez máis a Agrupación Socialista de Taboada puxo enriba da mesa, na sesión plenaria celebrada onte, os problemas que afectan aos veciños de Taboada, como por exemplo a calidade da auga ou a aprobación da ordenanza da madeira. “O PSOE sempre traballando ao carón da veciñanza e atendendo ás súas prioridades, por iso novamente o pleno estivo protagonizado polas iniciativas socialistas”, insistiu.
“Levamos recibindo dende fai tempo moitas queixas sobre a salubridade da auga no noso Concello, sobre todo cando chove, xa que non se pode utilizar nin para o aseo persoal, nin para cociñar. Todos somos coñecedores do investimento público de medio millón de euros que se realizou na depuradora fai arredor de 6 anos”, advertiu Rigueira.
“Por todo isto defendemos unha moción coa que demandamos ao Concello que inste á Xunta a poñer enriba da mesa unha solución a este problema, que afecta tanto á veciñanza de vila de Taboada como algunhas das aldeas do Concello. Solicitamos melloras na estación potabilizadora, así como a elaboración dun estudo que permita valorar a idoneidade de novas captacións, e que o Concello bonifique os recibos de auga ou cando menos aplique descontos proporcionais aos días nos que o servizo de auga non foi o axeitado”, argumentou.
“O que estamos sufrindo coa salubridade da auga é inadmisible. Os veciños estamos pagando por un servizo que non é digno, e que o máis grave o Alcalde non lle da importancia a algo tan serio como a calidade da auga pública, cos prexuicios que está ocasionando a todos os niveis. Po iso quero anunciar que seguiremos traballando para atopar unha solución, non quedaremos de brazos cruzados. A auga é un ben esencial, e ten que utilizarse con tódalas garantías, para iso pagamos por este servizo”, replicou.