A Deputación de Lugo axudará a reactivar o barrio lucense da Milagrosa a través de diferentes accións para os comerciantes, hostaleiros e a veciñanza. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos, un convenio de colaboración co responsable da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez Varela, nun acto no que participaron outros integrantes do colectivo.
Tomé Roca puxo en valor o traballo desta asociación para a dinamización do barrio lucense e enmarcou este acordo na necesidade de reactivar A Milagrosa logo da emerxencia sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19. “Esta iniciativa permitirá restablecer as relacións sociais entre as veciñas e os veciños do barrio con diferentes obradoiros a través da aprendizaxe”, afirmou o Presidente.
Entre as diferentes accións, a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa realizará unha serie de obradoiros, presenciais e gratuítos, que incluirán recomendacións en relación ás medidas de prevención e hixiene fronte ao coronavirus para os distintos colectivos; e tamén deseñará unha guía con información sobre os negocios do barrio. A achega da Deputación de Lugo -de 5.000€- servirá para sufragar gastos de funcionamento da asociación e os derivados destas actividades, como a compra de material ou a impresión das guías.
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa é unha organización de persoas que viven no barrio e que buscan solución aos problemas que ten a veciñanza dende 1992, desenvolvendo proxectos e propoñendo propostas de intervencións.