O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na Fonsagrada, no salón de actos dos Chaos, na presentación da campaña turística Déixate Marabillar! Ven a Ancares Terras de Burón, organizada por este Xeodestino. A iniciativa inclúe unha guía de experiencias, que imprimiu a institución provincial, na que se recompila a oferta de recursos de turismo e hostalería dos 10 concellos deste territorio: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.
No acto celebrado onte pola maña estiveron presentes o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López; e o Alcalde de Navia de Suarna e presidente do Xeodestino Ancares Terras de Burón, José Fernández Fernández; ademais dos deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera
Capón, e representantes dos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín; e profesionais do turismo e da hostalería da contorna.
A guía, da que a Deputación imprimiu uns 300 exemplares, estará a disposición da veciñanza e dos visitantes no local do GDR, nas casas dos concellos e na oficina de turismo da Fonsagrada.