O plan de concentración de dispositivos municipais de limpeza, posto en marcha polo concello, chegará este vindeiro martes, día 20 de xullo, ao barrio das Gándaras, logo de concluír as tarefas previstas no Castiñeiro, Casás, Abella e Residencia.
O obxectivo desta iniciativa, desenvolvida pola área de Medio Ambiente, é unificar os esforzos por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar os labores ordinarios. Para iso, se está a actuar de forma integral en cada barrio cun amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e de revisión dos parques infantís, contando co apoio das brigadas municipais.
Miguel Fernández, indicou que “este martes o dispositivo se desprazará até as Gándaras para executar a roza de vías e predios municipais, o varrido e baldeo de rúas e bordos, a limpeza dos sumidoiros e das illas de reciclaxe de lixo, así como dos bancos e resto do mobiliario urbano para o que se empregarán máquinas a presión que servirán igualmente para proceder á retirada das pintadas e grafitis na zona”.
O edil de Medio Ambiente sinalou, igualmente, que dos 341 expedientes tramitados polo Concello por acumulación de maleza en predios particulares, 14 deles atópanse neste punto da capital e quixo aproveitar para facer un chamamento á cidadanía en prol da conservación das dotacións públicas. “Empregalas tamén quere dicir respectalas e coidalas, para que perduren no tempo e estean a disposición da veciñanza nunhas condicións que conviden ao seu uso e que permitan exercelo, ademais, de forma segura para todas e todos”, concluíu Miguel Fernández.