Outras 120 persoas contaxiáronse por Covid-19 nas últimas vinte e catro horas na área sanitaria de Lugo e parece ser que isto só é a punta do iceberg do que está por vir. Segundo puido saber Xornal de Lugo, as autoridades sanitarias prevén unha eclosión de novos casos esta semana e a vindeira. Polo que é necesario facer un chamamento a toda a poboación para que extremen as precaucións, garden as distancias de seguridade e manteñan posta a máscara así como que cumpran estritamente coas recomendacións das autoridades sanitarias.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 17.298 deles 3.121 son da área da Coruña, 1.881 da de Lugo, 2.275 da de Ourense, 2.940 da de Pontevedra, 4.065 da área de Vigo, 2.213 da de Santiago e 803 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 25 están en UCI, 233 en unidades de hospitalización e 17.040 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 131.185 persoas curadas, rexistrándose 2.449 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.520.586 e o de doses de vacina contra a covid-19 administradas alcanza a cifra de 3.399.577.