A nova semana de Codex Cinema estreará en Lugo o filme A muller do espía, o thriller de axentes dobres na Segunda Guerra Mundial firmado por Kiyoshi Kurosawa, que levou o premio á mellor dirección no último festival de Venecia . Tamén nesta semana remata o Universo David Lynch, o ciclo retrospectivo que durante case dous meses se proxectou nas pantallas dos Codex.
A segunda guerra mundial no thriller A muller do espía de Kiyoshi Kurosawa
Gañadora do premio ao mellor director no último festival de Venecia, chega por fin a Codex, A muller do espía, o último traballo do autor xaponés Kiyoshi Kurosawa. Do mesmo apelido cun dos máis grandes directores nipóns de todos os tempos, Kiyoshi labrouse durante xa varias décadas un nome propio con filmes de xénero arriscados, onde a través de propostas de tipo fantástico e incluso de terror, consegue trazar unha afinada análise do seu país e da sociedades consumistas.
A medio camiño entre o materialismo social e os filmes de pantasmas, obras como Cure ou Kairo (onde uns rapaces descubrían pantasmas a través de vídeos de internet), Kiyoshi Kurosawa fíxose coñecido no circuíto máis alternativo do cinema de culto, dos festivais de cinema fantástico como Sitges. A partir deses primeiros anos, o seu cinema foi gañando adeptos, tanto no seu país como na cinefilia internacional, facendo cada vez filmes máis ambiciosos, dos que A muller do espía é se cadra o mellor expoñente. Nesta ocasión, Kurosawa entrega un filme de época onde nos trasladamos aos anos da Segunda Guerra Mundial e ás intrigas entre Xapón e o resto das potencias asiáticas, especialmente China, un país en crise entre revoltas populares, os restos do imperialismo colonial, o fráxil goberno republicano e o auxe do comunismo. Neste contexto histórico, o cineasta nipón ofrece unha intriga marabillosa que mestura política con amor, na mellor tradición clásica, da cal Kurosawa é un dos principais herdeiros.
O filme conta cun guión a cargo doutro dos directores xaponeses máis recentemente celebrados, Ryusuke Hamaguchi, que acaba de gañar hai uns días o premio a mellor guión no Festival de Cannes por un filme dirixido por el mesmo, Drive my car (de próxima estrea en Codex Cinema), e con A muller do espía abraiou noutro festival anterior, o de Venecia de 2020, onde Kurosawa gañou o premio a mellor director. Estamos por tanto ante un dos grandes filmes xaponeses dos últimos anos, feito por dous dos narradores máis celebrados desta cinematografía.
Remata o Universo David Lynch con Unha historia verdadeira
Algo máis dun mes despois de ter iniciado unha das propostas máis arriscadas de Codex, chega a súa fin o ciclo retrospectivo adicado a David Lynch, un dos maiores (senón o máis grande) cineasta americano do último medio século. Unha historia verdadeira, o último filme desta selección de obras maxistrais, é se cadra a película máis estraña dentro dunha filmografía marcada pola pegada onírica e a interpretación dos soños e pesadelos máis retorcidos. Por contra, Unha historia verdadeira é un filme luminoso e vitalista, sobre un home que na súa vellez decide realizar unha viaxe no seu cortador de céspede para recuperar a relación co seu irmán doente.
Pese a estar lonxe dos rexistros habituais de Lynch e igualmente unha obra imprescindible que recibiu aclamación universal pola súa mirada humanista e conmovedora sobre as relacións persoais e o final dunha vida. O filme presentouse no festival de Cannes de 1999 e o actor Richard Farnsworth converteuse nunha celebridade aos seus 78 anos, chegando a conseguir unha candidatura a mellor actor nos Óscar de Hollywood.