Retomaranse as obras do carril bici na avenida Marqués de Ombreiro, para as que o executivo municipal tivo en conta as propostas achegadas pola veciñanza, co fin de conciliar as necesidades dos residentes, co deseño da nova senda verde da cidade.
O pasado día 7 de xullo, a rexedora mantivo unha reunión cos residentes da zona de Marqués de Ombreiro e do barrio da Residencia para presentarlles, in situ, as alternativas, elaboradas polos técnicos municipais, ao proxecto do carril bici nesta zona, en resposta ás preocupacións trasladadas polos veciños e veciñas.
En dita reunión acordouse realizar o repintado da avenida Marqués de Ombreiro para que pase a ser dun único sentido de circulación, desde a rúa que baixa desde Avenida das Américas (fronte ao Mercadona) ata a rúa Músico Falla, en sentido descendente cara ao río. No carril eliminado gañaranse prazas de aparcamento en paralelo ao carril bici. Mentres que a reordenación do tráfico de subida realizarase pola rúa Músico Falla ata Avenida das Américas. Deste xeito, o número de prazas de estacionamento que se acadarán en Marqués de Ombreiro situarase por encima do centenar.
Ademais, a rexedora explicou que “debido á proximidade da actuación e á gran demanda de aparcamento nesa zona, estamos a estudar a viabilidade de repintar o aparcamento en batería ou en espiga na rúa Mestre Soutullo, paralela a Marqués de Ombreiro.
O carril bici é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polo FEDER. A través desta iniciativa, pretendese
cambiar a mobilidade da cidade para crear alternativas saudables, recuperando espazos para os peóns e as bicicletas e reducindo o uso dos vehículos particulares para acadar un modelo de urbe sostible e moderna, como marca a Unión Europea e como fixan os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Así mesmo, busca unir 8 barrios da cidade coa contorna do Miño, para que os e as lucenses deixen de vivir ás costas do enclave fluvial, unha das máis importantes demandas cidadás. En total, serán 14 quilómetros de percorrido que se executarán na zona DUSI, e que se estenderán en vindeiras fases cara outras zonas como a universitaria.