Na tarde de hoxe, un home perdeu a vida despois de envorcar o tractor que manexaba no concello de Lugo. Nada máis recibir o aviso por parte dos xestores do 112, os servizos de emerxencias acudiron ao lugar, pero soamente puideron confirmar o seu falecemento.
Segundo a información facilitada ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, o accidente produciuse ás 18:30 horas. Nese momento, unha persoa particular chamou ao 112 para informar dun tractor envorcado nun terraplén preto da estrada que une Lugo e O Páramo.
No seu relato, a persoa non sabía precisar o que sucedera pero informaba que era posible distinguir unha persoa debaixo do vehículo agrícola sinistrado.
Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios de emerxencias, dos Bombeiros de Lugo, da Garda Civil de Tráfico, dos axentes da Policía Nacional e Local e tamén dos voluntarios de Protección Civil.