A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle ata o 31 de agosto a mostra de arte colectiva e itinerante Expoperegrina 2021, que promove a asociación cultural GAPAsturias e reúne pinturas e fotografías que teñen como eixo central o Camiño de Santiago. Na inauguración, celebrada hoxe, participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente da entidade organizadora, Pablo Riestra, entre outros.
A mostra comezou o seu percorrido en Oviedo o pasado mes de febreiro, recalou en varias sedes a través do Camiño Primitivo e a próxima parada será xa en Santiago de Compostela; cada unha das 39 obras vai completando a súa propia credencial. O proxecto conta cunha web propia con información sobre a experiencia nos distintos lugares que visita.