A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a penas de entre 21 e 30 meses de prisión a sete acusados de traficar con droga. O tribunal, ademais, impúxolle a un dos investigados seis meses de cárcere por cometer un delito de tenza de armas prohibidas en concurso cun delito de tenza ilícita de armas, coa concorrencia da atenuante de dilacións indebidas e medo insuperable, xa que estaba “medorento por unhas ameazas de morte”. Os maxistrados consideran acreditado que os sospeitosos “se dedicaban habitualmente á venda de haxix e cocaína a terceiras persoas, motivo polo cal se acordou xudicialmente desde outubro de 2013 a intervención sucesiva das súas comunicacións”. Así, entenden que da proba practicada “se desprende unha interrelación entre todos os acusados, sendo entre eles subministradores ou provedores entre si e, sen dúbida, todos eles se dedicaban á venda e distribución de substancias tóxicas, entre elas cocaína”.
Por outra banda, os controis de seguridade viaria levados a cabo durante a fin de semana polos axentes da Unidade de Atestados e da Unidade Territorial de Policía de Barrio, sorprenderon na Praza de Bretaña, a un condutor que manexaba un turismo despois de inxerir drogas, tendo en conta que, tras as probas regulamentarias, lanzou resultado positivo en cannabis e cocaína. Na mesma tarde tamén foron denunciados por positivo en drogas o condutor dun turismo, que deu positivo, como o anterior, en cannabis e drogas. Un segundo, condutor dun vehículo de mobilidade persoal (patinete eléctrico), deu tamén resultado positivo en cocaína. A denuncia dos dous condutores conleva unha sanción económica e a detracción de seis puntos do permiso de conducir e ao do VMP só a sanción económica.
Asemade na noite de venres ao sábado, un condutor que circulaba co seu vehículo pola rúa Conde, foi sometido a un control de alcoholemia arroxando dito condutor un resultado de 1.16 na primeira proba e 1.18 mg/ na segunda; o que significa case quintuplicar a taxa máxima permitida, motivo polo cal se iniciaron dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria para xuízo rápido.