Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo esixen ao goberno local “que aproveiten que semella que por fin chegou o bo tempo para deseñar e poñer en marcha un plan de limpeza dos sumidoiros da cidade, despois dos problemas que aparecen sistematicamente cada inverno, xa que ao estar tupidos provocan pequenas anegacións ante a imposibilidade de evacuar a auga, como sucede en diferentes puntos da cidade como Fontiñas, Avenida da Coruña, Barrio Feijoo…”
Os populares explican que durante o último inverno recibiron numerosas queixas veciñais acerca de sumidoiros atascados que non desaugaban correctamente a auga da chuvia, polo que se retomaron esas queixas agora para comprobar se o goberno local aproveitaba os meses do verán para limpar os sumidoiros e telos en boas condicións de novo para o inverno. “Lamentablemente vemos como non fan nada por solucionar este tipo de situacións que, aínda que semellen nimiedades, provocan malestar entre a veciñanza”, apuntan.
Para os populares “este plan de limpeza dos sumidoiros debería incluír, tamén, o estudo dos elementos de drenaxe suxerindo que se analice a posibilidade de modificar o tamaño, forma, ou número de unidades xa que hai zonas nas que segundo a pendente que teñan os elementos existentes poden ser pequenos ou insuficientes”.