Os axentes de Policía de Barrio finalizaron unha actuación iniciada nos últimos días do mes de xullo, sobre unha situación de presuntos malos tratos animais respecto a seis cans que se achaban nun domicilio de Santa María de Bóveda.
O día 31 de xullo, mediante o Servizo de Lacería, procedeuse ao traslado á Protectora de Animais dun dos cans, un cruzamento de mastín, que se atopaba atado, con escasa marxe de movemento e aparente estado de desnutrición; quedando no lugar outros cinco cans máis: un cruzamento de pitbull con american bull, un pitbull terrier, un cruzamento de american bull con standford e dous pincher. Despois de realizar todas as investigacións e comprobacións necesarias, tanto no referente á titularidade dos animais, como á súa identificación e estado, os policías confeccionaron as seguintes actas:
4 denuncias por outras tantas infraccións á Lei de Réxime Xurídico de Tenencia de Animais Potencialmente Perigosos, dous delas por non cumprir a obrigación de identificalos debidamente con microchip, nin inscribilos tanto no Rexistro de Animais de Compañía como nos Animais Potencialmente Perigosos; e outras dúas por non concertar o seu titular o seguro obrigatorio de responsabilidade civil.
2 denuncias máis por infracción á Lei de Protección e Benestar de Animais de Compañía de Galicia, por non identificar debidamente aos outros dous cans.
O cruzamento de mastín, inicialmente retirado para asegurar o mantemento da súa saúde, recibiu os coidados debidos nas instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas, informando os servizos veterinarios que, aínda que se atopaba nun estado de delgadez bastante notorio, iso non se podía entender como un estado de desnutrición.