O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, anunciou a aprobación do inicio do proceso de licitación para construír a pasarela do centro de saúde de San Roque, no barrio de Fontiñas.
“Esta é unha solicitude que a veciñanza da zona levaba moito tempo realizando, e que desde a nosa chegada ao Goberno Municipal tratamos de dar a mellor solución posíbel”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “desde a área de Mobilidade estudamos as distintas alternativas para darlle solución a este obstáculo, especialmente importante na unión do Centro de Saúde coa rúa Primavera e coa rúa Peña Anda”.
Esta nova infraestrutura permitirá, segundo declarou o Tenente de Alcalde, “unir o centro de saúde e as rúas Primavera e Peña Anda cun percorrido practicamente plano”.
A solución plantexada pola área de Mobilidade consiste na creación dunha pasarela que una o comenzo da rampa que da acceso ao centro médico coa parte alta da escalinata Primavera, pasando por riba da entrada do carril do xuizo, segundo o estipulado na normativa vixentes sobre accesibilidade e permitindo o paso de vehículos pola parte inferior. A pasarela terá un gálibo de máis de 4 metros, o que permitirá a circulación de vehículos pola súa parte inferior. A lonxitude total será de 34,68 metros. A actuación sairá a licitación cun orzamento de 238.497,51€ e un prazo de execución de 4 meses.