Á venda dende mañá as entradas para o Caudal Fest

Mañá, mércores, ás 12:00 do mediodía, sairán á venda as entradas para o Caudal Fest 2021, que regresa en setembro ao entorno do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, con todas as medidas de seguridade e prevención, seguindo a normativa vixente con motivo da Covid-19. Deste xeito, contará cun formato terraza, é dicir, os asistentes gozarán do espectáculo sentados e con mesas, e o aforo estará limitado a 2.500 persoas por día.

A alcaldesa, Lara Méndez, explicou que “esta nova edición do festival terá lugar o 16, 17 e 18 de setembro e contará cunha ampla programación de calidade, con tres días completos de concertos de artistas nacionais e internacionais”.

Deste xeito, o recinto estará dividido en varios sectores para garantir a seguridade dos asistentes, tendo cada zona os seus propios accesos, baños, barras, foodtrucks, etc. e sendo independentes entre si. A circulación estará organizada e sinalizada con carrís separados de acceso e saída, control da distancia de seguridade, e instalaranse puntos de desinfección de mans con dispensadores de xel hidroalcohólico.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, salvo para o consumo de comida ou bebida, haberá asistentes para a organización do público e a acomodación realizarase de forma graduada para facilitar accesos e desaloxos. Debido ás restricións derivadas da Covid, nesta edición non haberá zona de descanso ou acampada.

O Concello de Lugo segue, así mesmo, a dinámica doutros concellos galegos e da administración autonómica de retomar a organización de concertos e actuacións musicais seguras, co obxectivo de impulsar o sector cultural  e do ocio.

As entradas estarán dispoñibles a través da páxina web do evento www.caludalfest.esOs prezos dos tickets serán os seguintes:

  • Xoves 16: dende 29 euros + gastos de xestión
  • Venres 17: dende 22 euros + gastos de xestión
  • Sábado 18: dende 29 euros + gastos de xestión

Poñeranse á venda entradas para cada día de forma individual, non existen abonos para varias noites. Poderanse adquirir ata un máximo de 8 entradas nunha mesma compra e será necesario introducir todos os datos (nome, apelidos, DNI, teléfono). 

As portas abriranse ás 18:00 horas o xoves e ás 17:00 horas o venres e sábado. Haberá concertos ata as 00:00 horas, suxeito aos posibles cambios que se debesen a futuras restricións. Para poder acomodarse grupos de conviventes xuntos, haberá que chegar ao mesmo tempo para ser asignados in situ.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com