Xornada de pasos atrás no relativo á quinta vaga da Covid. E é que o último informe do SERGAS revela un aumento de 14 casos activos novos con respecto á xornada anterior; en gran parte, debido aos 100 positivos confirmados en probas diagnósticas realizadas ata as 6 da tarde de onte, moi por riba dos 72 detectados na xornada do luns ou dos 50 do domingo.
Así, segundo informa Sanidade, o día de onte rematou con malas cifras. A provincia de Lugo, non só aumentaba o número de casos activos chegando ata os 1344, e a de positivos detectados; senón que tamén houbo que lamentar dous falecementos.
Así, Lugo suma xa, dende o inicio da pandemia, un total de 227 falecementos por mor do virus. Os dous últimos, informados na tarde de onte, foron os de dúas mulleres, de 83 e 92 anos que finaban durante a fin de semana no HULA, tras ser diagnosticadas con covid.
Con todo, a presión asistencial mantense en cifras semellantes ás da xornada anterior con 30 persoas en planta de hospitalización, nos diferentes hospitais da provincia, e 7 persoas na UCI do HULA (unha menos que no día de onte).
En total, dende o inicio da pandemia son xa 16.321 as persoas que poden dicir que superaron a enfermidade.