Os ediles do PP no Concello de Lugo continúan hoxe en pé de guerra contra a tardanza, por parte do Concello de Lugo, en resolver as licenzas. Así, o explican dende o Partido Popular, nunha nota de prensa remitida aos medios na que critican duramente que o Goberno local “non aprende dos erros do pasado e lonxe de poñerse a traballar en prol da mellora da vida dos lucenses, seguen enfrascados na súa marcaxe persoal, con dimisións de concelleiros incluídas, paralizando a actividade municipal”.
O concelleiro popular Manuel López facía esta reflexión despois de avaliar os datos obtidos das licenzas aprobadas nos primeiros seis meses do ano para o ámbito urbano, uns datos que cualificou de “desastrosos” e que, na súa opinión, amosan ás claras “a falta de traballo dun equipo de goberno desgastado e superado pola realidade”.
E é que segundo explican dende o grupo popular, o Goberno local pechou o ano 2020 situando o prazo medio para a resolución dunha licenza no eido urbano en 330 días de media; namentres que no primeiro semestre de 2021 ese dato disparouse ata os 420 días de media, o que na opinión dos populares “amosa claramente que o mellor é un relevo á fronte do goberno local”.
Manuel López amosouse moi preocupado despois de analizar estes datos, xunto aos que xa fixeron públicos a semana pasada sobre o referente ás parroquias do rural, que amosan unha sintomatoloxía clara: “en Lugo temos un goberno que está a debullar un panorama desolador”. Explica o concelleiro popular que todos estes datos referentes á resolución de licenzas obtivéronse das actas das xuntas de goberno local, polo que avanza “a ver que escusa se sacan da manga agora tanto Méndez como Arroxo para tentar lavar a cara”.
Durante os primeiros seis meses do ano, no ámbito urbano, resolvéronse 111 solicitudes de licenza, das que so 20 se tramitaron dentro dos 90 días que marca a lei, é dicir, só o 18% das solicitudes de licenza resoltas durante os primeiros seis meses do ano cumpriron os prazos legais establecidos.
No informe elaborado polos populares hai datos reveladores como que, de media, ningún dos aspectos avaliados cumpre o prazo marcado na lei.
En vista dos populares, a realidade é que tanto Lara Méndez coma Rubén Arroxo están a poñer en risco numerosos postos de traballo, “xa que a construción é un dos principais motores económicos da cidade e que tendo en conta so as
licenzas avaliadas para o ámbito urbano nos primeiros seis meses do ano xeraron un volume de negocio de 18.651.266,03 €”.
Chegados a este punto, dende o Grupo Municipal Popular esixen ao goberno local unha “reacción inmediata que non se pode demorar máis” e que pasa polo reforzo do persoal de todos os departamentos que interveñen na resolución de licenzas, xa que “nos consta que todo o persoal que intervén no proceso está a dar o 110%, polo que urxe un reforzo para axudar a aliviar a carga de traballo e axilizar a resolución das peticións de licenza”.