O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, participou este domingo no programa Saborea a túa provincia, unha iniciativa dirixida a incentivar o consumo de produtos de proximidade, que está enmarcada nas dez medidas do Plan de Impulso da Economía que lanzou a institución provincial para contribuír á recuperación da hostalería, o turismo e o comercio fronte ao impacto das restricións pola pandemia.
No concello de Vilalba, Diego López, de Pascuais Eventos, preparou un canelón recheo de capón de Vilalba trufado con espuma de San Simón e flor de allo. As xornadas gastronómicas e lúdicas da Deputación tamén contaron cun taller de cociñado para os nenos e nenas, unha charla informativa sobre o Porco Celta, animación musical, maxia e sorteos e degustación de produtos da provincia.