Os socialistas de Monterroso avanzaron hoxe que defenderan no vindeiro pleno, que se celebrará o martes día 29 ás 20:30 horas, dúas mocións para demandar por unha banda, “recuperar de xeito inmediato e continuado o Servizo de Pediatría, e noutra proposta reclaman que se manteñan aos catro docentes no IES de Monterroso que pretenden eliminar para o vindeiro curso 2021-2022”.
“Estamos diante de dous recortes sen procedentes na nosa vila, e mentres a Alcaldesa e todo o seu Goberno seguen sen dicir nin mu, e sen mover un dedo para solventar esta situación. Monterroso é o claro exemplo do abandono do rural por parte do Goberno do PP, recortes en sanidade, recortes en educación, peche de servicios agrarios, e mentres o Goberno de Seijas segue de vacacións”, lamentan.
Sobre a situación da atención sanitaria na vila, os socialistas sinalan que no centro de saúde de Monterroso tamén atende aos usuarios dos Concellos limítrofes de Portomarín, Antas de Ulla e Taboada deixando polo tanto a máis de 9.800 habitantes sen este servicio básico e esencial.
“Dende o Grupo Municipal Socialista de Monterroso xa nos fixemos eco das reiteradas queixas dos pais e nais que acudiron ao centro de saúde, e comprobaron que non había asistencia pediátrica. Ademais neste centro de saúde de tres médicos que consultan diariamente, comprobamos en moitas ocasións, que só hai un traballando, e nunha situación como a que estamos vivindo coa pandemia do COVID é algo moi alarmante”, advirten.
No que atinxe a situación educativa da vila, remarcan que “en xullo o Departamento de Educación da Xunta informou ao consello do IES de Monterroso da intención de prescindir de cinco dos seus profesores para o próximo curso, converténdonos tristemente nun dos máis perxudicados da provincia, pero que tras as reclamacións realizadas desde o centro a cifra reduciuse a catro”.
Así as cousas advirten que “estamos ante un recorte sen precedentes xa confirmado pola Consellería de Educación para o vindeiro curso de máis de 430 docentes de secundaria, así como a redución de 109 unidades e uns 150 mestres e mestras en Primaria en todo o territorio galego”.