O Concello de Lugo vén de informar que a licitación das casetas do polbo, típicas do San Froilán, quedou deserta ao pecharse hoxe o prazo de presentación sen presentarse ningunha empresa ao concurso público.
A edil titular da área de cultura, explicou que onte mesmo pechaba o prazo de licitación sen ningunha oferta para o concurso no rexistro municipal. Unha problemática pola que uns culpan ás condicións esixidas polo Goberno local no prego de licitación e, outros, ao medo dos hostaleiros a enfrontarse ás posibles medidas restrictivas impostas pola Xunta na loita contra a pandemia da Covid19.
O certo é que dende o Concello aseguran que “traballamos para facilitar ao máximo as condicións dos pregos, para así permitir que os distintos negocios que quixesen optar a colocar casetas e caldeiros puidesen facelo tendo a seguridade de que só pagarían segundo a cabida que tivesen en cada momento”; malia que entenden a “incertidume” que lles pode causar aos hostaleiros ter que enfrontarse a esta situación.
A volta das casetas do polbo foi un acordo da Comisión de Festas de xullo. A titular de Cultura explicou que “de cara ao final do verán celebraremos unha nova comisión de festas para buscar o acordo da Corporación Municipal sobre o retorno do recinto feiral do San Froilán”.
Caldeiros na rúa
Doutra banda, e trala solicitude da Asociación Lugo Monumental, a área de Mobilidade e Infraestruturas, dirixida polo tenente de alcalde, permitirá aos distintos negocios presentar solicitudes para colocar caldeiros na rúa, do mesmo xeito que no ano 2020.
Para solicitar colocar un caldeiro, os negocios de hostalería terán que cubrir o impreso número 179, que se pode atopar na páxina web do concello e presentar a documentación requerida a tal efecto.