A Xunta de Galicia, a través da Delegación Territorial de Lugo, está a contactar cun total de 121 asociacións e colectivos de carácter social e xuvenil, sen ánimo de lucro, para localizar persoas que aínda estean sen vacinar.
Esta actuación responde a unha iniciativa conxunta das xefaturas territoriais de Sanidade e Política Social, da Delegación Territorial, na procura de persoas en situación de vulnerabilidade que, por diversos motivos, non recibiron aínda a vacina contra o Covid-19.
Esta mesma semana a xefatura territorial de Política Social enviou cartas a través de correo electrónico a estás 121 asociacións solicitando a súa colaboración voluntaria para remitir unha relación de todas aquelas persoas das que teñan constancia que non están inmunizadas e que desexan recibir a vacina.
Ademais, e co obxectivo de incidir na campaña de vacinación, Política Social está a poñerse en contacto telefónico con estas 121 asociacións que operan na provincia de Lugo.
Polo de agora, a resposta das asociacións está sendo inmediata e a iniciativa está a contar coa máxima implicación destes colectivos. Algúns notificaron que todos os seus residentes, traballadores ou asociados contan coa pauta completa, mentres que outros están a elaborar os listados, que remitirán posteriormente á xefatura territorial de Política Social.