O Concello impulsará melloras da seguridade viaria nas parroquias do rural

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de informar do impulso, por parte do Concello de novas obras de mellora nas estradas municipais do rural co fin de incrementar a seguridade viaria. Son un total de seis actuacións de aglomerado en quente, que se inclúen no Plan Único deste ano, e tres do Plan de Mellora de Camiños de acceso a Parcelas Agrícolas, que serán licitadas na Xunta de Goberno Local de mañá cun investimento de máis de 347.000 euros.

As execucións realizaranse en Camoira, Tirimol, Pedreda, estrada entre Conturiz a Cardoso, Corral de Abaixo, San Pedro de Mera, Burgo, Galego e Bascuas.

Ademais, esta semana comezarán máis actuacións, financiadas polas baixas do Plan Único 2020, en Pías, Tirimol e Piugos, e que contan cun investimento de 60.000 euros.

Todas estas obras súmanse ás que está a desenvolver nestes intres a concellería de Medio Rural, que está a acelerar o acondicionamento dos accesos nunha ducia de parroquias aproveitando o tempo seco da época estival co fin de que queden rematados antes da chegada do inverno, cando as inclemencias meteorolóxicas dificultan os desprazamentos.

O tenente de alcaldesa e edil responsable de Medio Rural, Miguel Fernández, destacou a importancia das actuacións, “que non só benefician aos residentes destas parroquias e que desenvolvemos despois de escoitar as necesidades que nos traslada a veciñanza, coa que estamos en permanente contacto, senón que reverterá en beneficio de todo o tráfico rodado destas zonas”.

Así mesmo, o concelleiro lembrou que “no que levamos de mandato, desde o Goberno de Lara Méndez levamos investido no rural preto de 3 millóns de euros, territorio que supón o 80% do municipio e onde vive o 10% da poboación”. Fernández incidiu no compromiso da alcaldesa “de procurar que, pouco a pouco, as parroquias e a cidade se equiparen en canto a dotacións e servizos públicos co fin tamén de fixar poboación no rural”.


Imaxe de arquivo: unha máquina traballa na mellora dunha estrada rural

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com