A Palloza de Quico do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) acolle ata o vindeiro 11 de setembro a mostra De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Satiago (APECSA) coa colaboración da Xunta a través do programa O Teu Xacobeo.
O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da exposición, unha mostra didáctica e itinerante que recolle as dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, desta importante figura da lírica medieval galegoportuguesa que, a dicir dalgúns investigadores, foi orixinario de Samos.
A mostra, que recibiu 14.600 euros a través de O Teu Xacobeo, finaliza o seu percorrido no Cebreiro despois de ter recalado desde maio noutros oito concellos lucenses: Sarria, Láncara, Paradela, Triacastela, Samos, O Incio, O Courel e Portomarín.
Durante a inauguración brindouse unha homenaxe póstuma a Pilar Armesto, hostaleira que rexentou unha hospedería no Cebreiro e divulgadora do Camiño de Santiago, falecida hai un mes.
Arias sumouse ao recoñecemento e agradeceu o traballo de difusión promovido desde a Apecsa. Tamén animou a “desfrutar desde Ano Santo que se prolonga ata o 2022 nun contexto único” e puxo en valor “a diversidade das iniciativas impulsadas a través do programa O Teu Xacobeo, co que queremos facer unha celebración viva e integradora, polo que estamos apoiando ata 400 propostas socioculturais ben variadas en toda Galicia”.