“Nin 24 horas durou a proposta de pactos e consenso que propuxemos onte a PSOE e BNG”. Con estas palabras resumía o voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, a xuntanza da comisión de festas encargada de organizar o vindeiro San Froilán.
Ramón Carballo non entende a postura que defenden tanto BNG como PSOE, “xa que o único consenso que defenden e ao que queren chegar é que deamos o visto e prace a súa proposta sen poder discrepar o máis mínimo”. “En canto facemos algunha proposta ou pedimos cambiar o plan que nos presentan o camiño que marcan é que é o que hai e que senón non gusta xa sabemos o que hai: tragar e punto”, lamentou.
Para os populares a “actitude dictatorial” do BNG, amparada polo silencio do PSOE de Lara Méndez, non fai máis que referendar que estes catro anos de bigoberno son e serán “un rodillo permanente”.
Ramón Carballo defendeu na comisión de festas a instalación de barracas, algo que piden os propios feirantes e ampara a normativa sanitaria da Xunta de Galicia, pero a resposta do BNG foi clara e directa: “no seu modelo de festas non se contempla recinto feiral”.
Ante esta situación, os populares preguntaron polos motivos de que non haxa recinto feiral ao que a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, unicamente respondeu que “non se vían capaces de facer cumprir o protocolo sanitario”. Unha decisión que non se basea en ningún tipo de informe técnico nin policial, o que evidencia “a falta de capacidade de xestión deste bigoberno”.
Unha situación ante a que o Grupo Municipal Popular anuncia que “non acudirá á vindeira comisión de festas” xa que “non estamos dispostos a participar do paripé que propoñen PSOE e BNG, xa que o único consenso ao que queren chegar e aplicar o seu modelo, sen dialogar nin dar participación á oposición”.
Os concelleiros populares tamén lamentaron as formas empregadas polos edís do BNG, que durante a comisión insultaron en varias ocasións aos concelleiros populares. “Está claro que unha vez chegados ao punto de perder a educación, non hai forma posible de dialogar. Están superados polas circunstancias e tentan culpar á oposición da súa alarmante falta de capacidade para xestionar”, lamentou.
Neste senso, Ramón Carballo lanza unha pregunta clara e directa a Lara Méndez: “Vai a seguir permitindo a máxima responsable da corporación os insultos e faltas de respecto dos concelleiros do seu goberno e se está segura de cabalgar da man duns extremistas”.