O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión desta mañá, aprobar a sinatura dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)– e o Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG) por importe de 589.000 euros durante tres anos para impulsar un observatorio da industria aeroespacial en Galicia.
Deste xeito, o obxecto do convenio é colaborar na creación, posta en marcha e xestión dun observatorio para xerar, atraer, compilar e divulgar coñecemento experto e estudos científicos en materia aeroespacial. Con este novo instrumento agárdase fomentar a elaboración de estudos científicos, crear un espazo común de acceso ao coñecemento na materia, estudar e definir as tendencias nacionais e internacionais, realizar eventos e actos de difusión dos resultados acadados, así como compilar, publicar e divulgar estudos e documentación científica de alto nivel e atraer talento científico.
Trátase de posicionar o observatorio como un centro de referencia a nivel nacional e internacional na realización e difusión de estudos científicos, económicos, estatísticos e de prospectiva do sector aeroespacial.
En concreto, o convenio contempla actuacións como a creación de contas sectoriais do segmento de sistemas non tripulados, a realización de informes e estudos estatísticos e econométricos de impacto do sector, así como de prospectiva, tendencias e evolución na creación e crecemento de empresas. Tamén contempla a promoción, difusión e divulgación das actividades e estudos do observatorio.
Nace como un instrumento aberto á comunidade de empresas, universidades e centros tecnolóxicos en materia aeroespacial, polo que todo o traballo realizado permitiralles dispoñer dunha fonte de información estratéxica e crear unha base de coñecemento que resultará clave á hora de adoptar decisións e deseñar accións de futuro. Xeraranse sinerxías entre os axentes do sector para identificar oportunidades, promover a colaboración e concorrer a proxectos estratéxicos para a captación de investimento.
Neste sentido, a sinatura deste convenio enmárcase nas medidas recollidas na estratexia do Polo ata 2025. En concreto, no obxectivo relativo á xeración de capacidade e coñecemento científico básico en Galicia dentro do programa de investigación científica e na actuación para a capacitación científico-tecnolóxica de universidades e centros tecnolóxicos. Así, trátase da segunda actuación que se pon en marcha desta folla de ruta tras o lanzamento da licitación para seleccionar novos socios estratéxicos.
A través desta licitación, cuxo prazo de presentación de propostas se mantén aberto ata o 10 de setembro na páxina web www.civiluavsinitiative.com, a Xunta busca seleccionar entre catro e oito socios estratéxicos e tecnolóxicos para o Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025. Cun orzamento inicial de 40M€, a previsión é que as empresas tractoras finalmente elixidas desenvolvan 80 proxectos de I+D; constrúan novos hangares no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas (Castro de Rei, Lugo), onde xa están en marcha as instalacións de Indra e Babcock; e acaden un efecto muiltiplicador sobre a capacidade tecnolóxica de Galicia, apoiando o desenvolvemento e consolidación de 80 pemes galegas.