O Concello de Lugo, a través da área de Muller dirixida pola concelleira Silvia Alonso, acaba de abrir o prazo de inscrición do programa ‘Aprende Xogando’ para o 1º trimestre do curso escolar 2021/2022, co obxecto de continuar co desenvolvemento de actividades que permiten aos pais e nais a conciliación da vida laboral e familiar.
“É un programa orientado a favorecer a conciliación nos eidos laboral, familiar e persoal, beneficiando tanto ás e aos menores como á unidade de convivencia no seu conxunto, apoiando de xeito especial ás mulleres no seu proceso de participación sociolaboral do cal se beneficiaron este verán preto de 350 nenos e nenas da cidade” explicaba Alonso, ao tempo que destacaba que debido á situación actual de emerxencia sanitaria que estamos a vivir, priorizar a conciliación laboral e familiar, facilitando a volta ao traballo das persoas con menores ao seu cargo durante o curso escolar “é unha necesidade” subliñou.
Para garantir a saúde de todas as persoas participantes no programa Aprende Xogando, tomaranse as medidas necesarias para adaptarnos ás condicións sanitarias recomendadas en función da normativa vixente en cada momento para facer fronte á Covid-19. A tal efecto poderanse ver afectadas as localizacións, aulas, aforos e calquera outro aspecto preciso atendendo sempre ás recomendacións das autoridades sanitarias competentes.
O programa está dirixido a nenas e nenos empadroadas/os no Concello de Lugo cunha idade comprendida entre os 3 e os 12 anos e as solicitudes efectuaránse de xeito telemático polos/as proxenitores/as dos/das menores, no e-mail aprendexogando@lugo.gal, sinalando nome, apelidos da/o menor e nome, apelidos e D.N.I. do/da proxenitor/a solicitante aportando anexo normalizado para a solicitude e a documentación requerida.