O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, iniciou esta mañá co socialista José López Orozco, a ronda de contactos para tentar formar goberno en Lugo. O popular explicou que comezou o calendario de xuntanzas con José López Orozco por tratarse do segundo cabeza de lista máis votado, e detallou que “foi unha primeira toma de contacto que transcorreu con total cordialidade”.
Así mesmo, Jaime Castiñeira indicou que ao longo dos vindeiros días reunirase cos candidatos das outras forzas políticas que obtiveron representación municipal.
“Os lucenses déronnos este domingo nas urnas un mandato moi claro como candidatura máis votada, que é o de intentar formar goberno e nese camiño é onde me van atopar os representantes dos outros cinco partidos”, concluíu Castiñeira.