Boas novas para a provincia en relación coa covid. E é que Lugo baixa, por primeira vez dende o pasado xullo, dos 1000 casos activos; nunha xornada onde a presión asistencial foi en descenso e o número de positivos en PCR mantense na vintena.
Así se revela do último informe do SERGAS, con datos recompilados ata as 6 da tarde de onte e no que se cifra en 950 os casos activos, 100 menos que na xornada anterior. Esto vén dado grazas a un importante aumento das persoas que superaron a covid (18.382, dende o inicio da pandemia) e o mantemento en cifras moi baixas dos positivos detectados a diario.
Nas últimas horas, segundo informou Sanidade, foron 21 os novos casos localizados grazas ás probas diagnósticas, un número moi por baixo do centenar de positivos que se rexistraban case a diario hai apenas quince días.
Con todo, a presión asistencial, malia que en descenso, continúa arroxando cifras altas. Por hospitais, o HULA segue a ser o que conta con máis pacientes Covid con 14 en planta e 4 na UCI; doutra banda, o Hospital da Costa desocupa as súas camas e queda cun só paciente covid que se recupera en planta de hospitalización, mentres que en Monforte, sobe este baremo lixeiramente, e chega aos 5 pacientes en unidades convencionais.
Por último, dende o inicio da pandemia, en Lugo houbo que lamentar 238 falecementos, os últimos varios usuarios da residencia das Gándaras que finaron días atrás.