O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a que execute, no menor prazo de tempo posible, o desdobramento total do corredor Nadela-Monforte de Lemos para convertelo en autovía, “unha obra que a propia conselleira xa se comprometeu a licitar a redacción do proxecto este mesmo ano para completar o percorrido entre Sarria e Lugo”, explicou o deputado popular José Manuel Balseiro. Porén, lamentou que o PSdeG rexeitara sacar adiante “un acordo de provincia con demandas de infraestruturas viarias ao Goberno central, poñendo por diante os intereses partidistas dos socialistas fronte ao de todos os lucenses”.
José Manuel Balseiro lamentou que os deputados socialistas rexeitaran a súa proposta de “aprobar unha proposta de provincia, na que incorporáramos a demanda ao Goberno galego para o remate do desdobramento total do corredor Nadela-Monforte e a solicitude ao Goberno central para a mellora de infraestruturas da súa competencia en Lugo, como as autovías Lugo-Santiago, Lugo-Ourense, Monforte-Chantada ou a da Mariña; así como unha solución técnica aos peches de tráfico da autovía do Cantábrico; a reparación do firme na autovía do Noroeste; o reforzo das tarefas de mantemento e conservación nas estradas de titularidade nacional; ou a recuperación das frecuencias ferroviarias suprimidas”.
“Porén, os deputados socialistas decidiron poñer por diante os intereses do seu partido e a defensa do Goberno de Pedro Sánchez, rexeitando a proposta feita polo Grupo Popular, que finalmente votou a favor da iniciativa socialista amosando que por enriba dos nosos intereses de partido está o benestar de todos os lucenses”, manifestou.