As viaxes en catamarán da Deputación de Lugo son un dos grandes atractivos da Ribeira Sacra para os visitantes deste territorio. No que vai tempada, que arrancou no pasado mes de marzo, máis de 26.000 persoas gozaron xa desta oferta turística, delas, 16.000 durante este verán, o que supón practicamente o 100% das prazas que estiveron dispoñibles. Nos meses de xullo e agosto, a alternativa polo Canón do Sil, que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil, acolleu a 10.949 viaxeiros, supoñendo un 99% da ocupación. Pola súa banda, a ruta de Belesar acolleu a 5.043 persoas.
Tendo en conta que, a día de hoxe, xa están reservadas máis do 50% das prazas dispoñibles ata final de ano, a Deputación espera pechar esta tempada con 40.000 pasaxeiros.
A Deputada de Réxime Interior subliñou que estas cifras de ocupación “tan positivas” consolidan este servizo público da institución provincial “como unha oferta turística atractiva que contribúe a dinamizar a economía e recuperar os sectores do turismo, a hostalería e o comercio fronte ao impacto da pandemia”.
A Deputada explicou que no verán se deu un incremento do turismo nacional respecto aos meses anteriores, de comunidades como Cataluña ou Andalucía, e tamén percibimos a chegada de persoas estranxeiras”. Pola súa banda, a indicou que nas reservas dos vindeiros meses “vimos notando un cambio no perfil do viaxeiro e a demanda nas viaxes en grupo medra, sendo case a metade das reservas actuais”.
Rutas, reservas e horarios
Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas. Mantéñense os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada. Dende o 12 de setembro e ata a ponte de decembro os catamaráns pasaron a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.