A Delegación Territorial da Xunta en Lugo propón manter a antiga parada na LU-530, ao carón da gasolinera do Carqueixo, para a liña que da servizo ao citado barrio, co fin de garantir a seguridade viaria dos seus usuarios. A intensidade media de tráfico (IMT) é de máis de 10.000 vehículos ao día nesta vía, o que a converte nunha das estradas con máis tráfico da rede autonómica, e implica un problema de seguridade viaria para os veciños e veciñas que deben atravesar a pé a rotonda para chegar á nova parada.
Así o explicou o delegado da Xunta, Javier Arias, ao tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, na reunión mantida esta mañá no edificio da delegación territorial, na que, nun clima de cordialidade e diálogo, ambos estiveron acompañados por técnicos, tanto da Axencia de Infraestruturas de Galicia como do Concello de Lugo.
Outra das actuacións que suporía o incremento da inseguridade viaria para os usuarios é a futura posta en funcionamento da Ronda Este, que a xuízo dos técnicos implicará maior movemento do tráfico nunha zona na que tamén conflúe a LU-021, cunha IMT de 6.000 vehículos ao día. Ante esta situación, Arias sinalou que “unha parada na rotonda é tecnicamente complicada e afectaría á seguridade viaria dos usuarios, polo que pedimos volver ao trazado orixinal da liña”.
A localización de paradas na rotonda suporía ademais a necesidade de construción de carrís de aceleración e incorporación, o que dificulta aínda máis a localización na citada glorieta.
Á espera da concreción do percorrido por parte do Concello, a Delegación Territorial da Xunta expón unha solución para reducir ao máximo os quilómetros e non dar a volta na raqueta. Javier Arias apunta “a posibilidade de levar a cabo unha pequena obra para facer un cambio de sentido e que o autobús xire máis adiante, na propia estrada LU-530. Isto permitiría, a maiores, instalar unha nova parada para os veciños da zona e facelo con todas as garantías de seguridade, nunha recta ou nun treito que non entrañe perigo para os usuarios do servizo”.
A reunión celebrouse está mañá, despois de que onte Arias, xunto a técnicos da Axencia Galega de In, analizara sobre o terreo as posibles alternativas que existen para instalar unha parada na estrada autonómica e despois de falar cos veciños e veciñas do Carqueixo para coñecer a súa opinión ao respecto.